FARO DE VIGO do 03-06-2010

" Na feira reuniremos uns 400 cabalos "

"Acordamos organizarlle o domingo unha homenaxe a Antonio Otero Abeledo Laxeiro"

ALFONSO LOÑO - LALÍN O presidente de Cabaleiros do Deza, Fran Toimil, traballa arreo estes días co resto dos colaboradores e a súa xunta directiva nos detalles da XXII Feira do Cabalo de Lalín. O evento será o sábado e o domingo durante case que todo o día en Mouriscade. Este ano a organización aposta por unha feira cunha clara vocación comarcal e, a última hora, decidiron adicarlle a cita a Antonio Otero Abeledo Laxeiro. Irmán do recoñecido pintor lalinense, faleceu hai anos e era unha persona moi vencellada ao mundo do cabalo, ademais dun coñecido tratante de gando.
–A só dous días da festa, teñen o programa de actividades pechado?
–Si, aínda que temos unha novidade de última hora. Pensamos adicarlle este ano a feira a unha persoa emblemática, a Antonio Otero Abeledo, Laxeiro, xa falecido e un coñecido cabaleiro e tratante. Merecía esta homenaxe que vai ser o domingo e na que lle entregaremos un detalle á familia. Ademais, Manuel Nistal e Paco do Rato escribiron uns artigos no libro da feira nos que fan unha semblanza da súa figura. Da feira compre destacar que teremos a xinetes olímpicos como García Trevijano ou Javier de Wit, un prestixioso xinete, fillo doutro olímpico. Tamén participarán gandeirías da bisbarra coma a Yeguada Trujillo, de Silleda, que pertenece a un rapaz moi humilde pero que en poucos a nos arrasa na maior parte dos concursos. Podemos destacar a ruta do sábado, que partirá de Mouriscade e que remataremos cun pasarrúas por Lalín e unha ofrenda a Virxe das Dore, na igrexa, en memoria dos compañeiros que xa non están.
–Cantos animais participarán nesta Feira do Cabalo?
–En torno a 400. Intentamos, sobre todo, facer unha feira para a comarca e centrala no noso. Temos como patrocinador, ademais do concello, ao GDR-22 e pensamos en que as actividades sexan máis de ámbito comarcal. En Deza hai un potencial incrible. Trujillo e outras ganderías teñen cabalos de grande calidade polo que queremos que nesta feira se amosen e se poñan en valor. Tamén quero dicir que os boxes, a comida e camas para os cabalos serán gratuitas ata que se esgoten os boxes que temos acordados.
–Que orzamento manexa este ano a organización para as máis de vinte actividades?
–O Concello de Lalín comprometeuse, en principio, a aportar uns 10.000 euros que poderían ser 2.000 máis. Tamén nos axuda o GDR pero o orzamento é de 28.000, polo que agardamos recadar bastante co sorteo do poldro de Pura Raza Árabe. É da eguada Flor de Lis, que pertenece a Teresa de Borbón e está valorado nuns 2.000 euros.
–Haberá, coma novidade, unha liña de autobuses durante os dous días...
–Si, é unha novidade deste ano. Algunha xente dicíanos que desde que a feira foi para Mouriscade quedaba máis lonxe e as persoas maiores tiñan máis problemas para ir. Haberá saídas desde Lalín ás 11.30, 12.30, 15.30 e 16.30 horas e de regreso ás 15, 16, 18.30 e 20 horas. Tamén, coas liñas de autobús, evitamos que poida haber problemas de aparcamento no recinto.