Entrevista | fran toimil mato presidente da asociación de cabaleiros do deza «Iremos a Zobra polas congostras que señalizamos»
O colectivo organiza para os días 23 e 24 a vixésima segunda Ruta a Zobra para a que só restan trinta prazas.
Levan vintedous anos indo á parroquia lalinense de Zobra. Para os cabaleiros do Deza trátase dunha cita ineludible.
-Xunto coa nosa colaboración na feira do Cabalo, que organiza o Concello de Lalín, é unha activid
ade insigne para o colectivo. A Zobra non se pode faltar, e polos anos que levamos indo alí xa nos podían nomear veciños da parroquia.
-¿Como xurdiu a ruta?
-Un pouco por casualidade. Catro amigos fixeron un paseo a cabalo ata Zobra, comeron na taberna que hai alí, comezou a nevar e estaba a situación meteorolóxica tan mala que decidiron quedarse a dormir. Os veciños deixáronlles as cortes para os animais e, ao ano seguinte, un grupo xa máis numeroso decidiu repetir a experiencia. Comezaron sendo catro, pasaron a dez e agora xa somos 120 e non podemos aumentar máis o número de participantes xa que o espazo é restrinxido. Non poderiamos facer esta ruta sin a hospitalidade dos veciños de Zobra que é sempre excepcional.
-¿Que novidades contempla o programa desta edición?
-O modelo é o mesmo doutros anos. O que vai variar é que iremos a Zobra polas congostras e os camiños que señalizamos, dentro do noso proxecto de Camiños do Deza co que pretendemos dar a coñecer os nosos sendeiros. Moitos deles estaban cheos de toxos e silvas e carecían de sinalización. Nós limpámolos e agora estan practicables.
-Entón, ¿por onde discurrirá o percorrido?
-O sábado, ás 15.30 horas, temos previsto arrancar do club hípico con dirección a Viñoa, Baxán, A Ribeira, cruzalo río ata Vilar (Soutolongo), Vilatuxe, Castro, Saborida e chegar a Zobra. Son vinte, vintecinco quilómetros de percorrido que faremos en tres horas aproximadamente. Depende do ritmo ao que vaiamos, as paradas que fagamos... Para as 21.30 horas está fixada a cea, que será un cocido, e baile ata as cinco da madrugada. Ao día seguinte, domingo, despois das sopas de allo partiremos cara a Vilatuxe onde xantaremos na Robleda e logo, cada un para a súa casa.
-¿Restan prazas para asistir á cita?
-Poucas. Deben quedar só unhas trinta. Coma todos os anos contaremos con cabaleiros chegados dende todos os puntos de Galicia. Virán de Baiona, Arzúa, Vigo...
-¿Canto pagará cada cabaleiro?
-Son 55 euros por persoa o que hai que pagar. No prezo inclúese a cea do sábado pola noite, a música, copas, desaiuno do domingo, xantar dese día ademais do penso e da herba seca que se lle dará aos cabalos. Haberá agasallos para os asistentes e sortearemos un poldro.